Monday 20 de May de 2024

Os participantes do programa de compostaxe xa teñen os seus composteiros



Máis de cincuenta domicilios participan, sen coste algún, desta iniciativa desenvolvida conxuntamente con SOGAMA

Os máis de cincuenta veciños e veciñas que se inscribriron no programa de compostaxe desenvolvido conxunta e gratuitamente polo Concello de Ordes e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) xa teñen os seus composteiros. Cada un deles acudiu á casa da cultura a recoller o seu, momento que se aproveitou tamén para impartir unha sesión informativa de cómo realizar correctamente o compost.
Celso Moreiras, responsable da empresa Todo verde, encargada da asistencia técnica dos programas de compostaxe levados a cabo por SOGAMA, foi o encargado de explicar qué produtos e residuos se poden empregar neste labor, as propiedades que ofrece como aboamento, así como os erros máis habituais na súa elaboración. Tamén se explicou a correcta instalación do dito composteiro ademais de entregarse un manual explicativo e con consellos útiles. Aínda así tamén se contestaron todas as dúbidas que o público asistente formulou.
No acto de entrega do material tamén estiveron presentes Ana Soneira, concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ordes, acompañada dos edís de Mantemento e Asociacións, así como polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.

Revisións periódicas
A partir de agora todos os participantes desta iniciativa medioambiental terán á súa disposición persoal do Concello para realizar revisións posteriores de cara a asesorar e mellorar o proceso de elaboración e tirarlle o máximo beneficio. Ben coñecido é por todas e todos as propiedades do compost natural para usos agrícolas e labores de fertilización.
Con esta iniciativa preténdese, por un lado, ofrecer coñecementos que permitan á poboación poñer en práctica hábitos sustentables, á par que se consegue reducir a produción de lixo e se incentiva un estilo de vida sostible e compatible co medio ambiente.